Friday 10 de May de 2024

A Xunta Local de Seguridade acorda reforzar a presenza policial nas zonas comerciais da cidade


Na reunión, de carácter ordinario, acordouse tamén aumentar os controis sobre os posibles puntos de venda de estupefacientes e sobre aqueles inmobles onde se constaten ocupacións ilegais

A Xunta Local de Seguridade reuniuse esta mañá enMaría Pita en sesión ordinaria para analizar as últimas medidas postas en marcha desde aSubdelegación do Goberno en coordinación co Concello. O organismo, presidido pola alcaldesa, Inés Rey, e que contou tamén coa presenza da subdelegada do Goberno, María Rivas, e de mandos da Policía Nacional e da Policía Local, deu conta dos reforzos de coordinación levados a cabo na cidade nos últimos meses, así como do descenso rexistrado nos índices de criminalidade na Coruña, un 2,5% menos con respecto ao 2022.

Na reunión abordouse a necesidade de seguir afondando en medidas que contribúan a mellorar a sesanción de seguridade na cidade e a reducir no posible os índices de criminalidade. Dentro das políticas de coordinación entre os distintos corpos policiais acordouse aumentar os controis en aqueles posibles puntos de venda de estupefacientes, habida conta do aumento no consumo de drogas detectado nos últimos anos a nivel nacional e tamén na Coruña. Reforzaranse tamén, ademais, os dispositivos de control de inmobles que teñan sido ocupados ou que sexan suspceptibles de selo, abordando desde todas as áreas posibles as medidas a tomar.

Durante o encontro valorouse moi positivamente a liña de colaboración posta en marcha polas dúas Administracións. Desde novembro do ano 2022 realizáronse 48 reunións de coordinación e estableceuse tamén como obxectivo a necesidade de seguir avanzando na mesma liña co obxectivo de ter unha liña única de actuación.

O Concello deu conta tamén da incorporación o pasado mes de outubro de 10 novos axentes ao cadro de mando municipal, cifra á que se sumarán outros 30 nos primeiros meses do 2024.